Disco
Siberian Escape: 'Tunguska'
(Fuzz Colective, 2015)
Aínda que pase desapercibido para o groso do público, existe en España unha impoñente escola de post-hardcore, cuxa misión semella ser expandir as sonoridades básicas do xénero, mantelo vivo e abrilo ó mundo.
Os mallorquíns Siberian Escape forman parte privilexiada desta escea e cultivan unha aproximación experimental e moi profesional ó xénero. É impresionante ver como as sonoridades comúns artelladas para o xénero por Thursday, Alexisonfire ou Million Dead ó comezo da pasada década poden resultar un campo de experimentación tan profunda.
En moitos sensos, o hardcore tan ben traballado que cultivaban non era outra cousa que unha certa psicodelia baseada non nas visións e os soños, senón no labor do artista sobre as emociones máis complexas. A banda composta por Miguel (guitarra e voz), Lluís (baixo) e Domingo (batería) amosa que, aínda nesa certa desnudez que representa o power trio, entenden ben os recursos e os límites a expandir do xénero.
Cada canción é un mundo en sí mesma, a pesar da forzosa transversalidade de elementos
Nos vinte minutos escasos que dura este EP, nomeado de maneira elocuente en honor á rexión siberiana onde se produciu o maior impacto dun bólido extraterrestre do que se posúe constancia, o grupo consegue introducir todos os elementos que lle dan solidez semántica ó xénero, pero... consegue dotarse dunha voz propia? Reservemos, de momento, a resposta a esta cuestión. Digamos, para comezar, que o feito de ter seleccionado o castelán como idioma, a diferencia do inglés das súas obras anteriores, xa indica a súa vontade de facelo. A nivel musical, cada canción é un mundo en sí mesma, a pesares da forzosa transversalidad de elementos que o estilo particular de cada músico lle aporta ás composiciones.
'Gulag' introduce a traballada e contundente produción que é sinal de identidade de Siberian Escape. En relación con otros grupos, a importancia do riff e a carnosidade do son representan elementos a destacar, ainda que as dialécticas musicais entre partes de delicada vulnerabilidade (estruturadas en torno ó son resonante e agudo da guitarra) e outras de grande potencia agresiva mantéñense, convertendo os temas en vibrantes explosións sentimentais, a pesares da súa breve duración.
Traballan con co frío, a soidade e ocasionais explosións de velocidade
Se cadra, pódeselles obxectar que, tendo en conta a duración das súas cancións, a súa posición estética resulta un tanto excesiva, pero tendo en conta esta limitación o seu intento resulta non soamente digno senón aínda máis chamativo. Neste mesmo tema resulta impoñente comprobar a delicadeza coa que se realizou a harmonía entre a voz rasgada de Miguel e a base instrumental, nun diálogo elocuente no que ningunha das dúas partes prevalece.
A agresividade do final desta canción vese un tanto diluida polo comezo de 'Anoikis', que se centra en riffs dunha sentimentalidade mecánica, cortados por unha guitarra negra como o acibeche e fría como as chairas boreais no inverno, recurso apropiado para un tema dedicado ás ausencias e as faltas, e a conciencia absorbente e case reconfortante da nada. O grupo emprega a virtude das sonoridades do post-hardcore para evocar tales ausencias, esa nada, mediante a sobrecarga e o aparente horror vacui dun son cheo de ángulos e vento xeado. Á fin e ó cabo, os seres humanos só podemos evocar a nada con arte ou permanecer nun silencio que forzosamente remata por se inundar de presenzas.
'Sed' dalle contido a esa nada, plantexando a calor dun individuo que atravesa longas extensións desoladas, punteadas por algo que pode ser tanto o perigo dalgunha bala perdida nunha batalla que nos é estraña ou ese outro proxectil que dende o noso interior perfora os pensamentos: esa “sede”, ese desexo abstracto que lle outorga título. Aquí conseguen non só explotar as melancólicas soidades da alma, senón tamén as forzas materiais que atenazan o corpo, e que en tantas ocasións se atopan ausentes da aparente procura de pureza musical, dese “esquecemento do corpo” do hardcore emocional. Pero, como canta a letra do derradeiro tema, «sen avisar chega o inverno», eterna e circular morte o pausa forzosa do desexo.
'Uróboros' formula o tema do retorno e a decadencia como peche para o disco, empregando para a súa introdución o vasto mundo instrumental que aporta o neoclasicismo do post-rock.
Siberian Escape, como podemos intuir dende que por primiera vez escoitamos o seu nome, traballan co frío, a soidade e ocasionais explosións de velocidade como únicas ferramentas. A súa labor é a da evocación, o que os emparenta con aquela escea post-hardcore da que falabamos ó comezo, pero tamén cos creadores relacionados co metal experimental máis atmosférico: o post-metal contemporáneo.
E o problema deste grupo é que os seus parentescos, se cadra, pesan demasiado. No curso dos seus primeiros EPs vimos como pouco a pouco foron atopando un nicho ecolóxico especifico dentro das terribles chairas da Rusia oriental, pero a súa dependencia dos recursos xenéricos é aínda profunda. A pesar diso, o feito de que o disco gañe con cada escoita e que a pericia instrumental dos seus membros quede fóra de toda dúbida lévanos a concluir que o seu primeiro LP vai causar un estremecemento no mundo da música progresiva peninsular: aquí están tódolos compoñentes precisos.
Texto: Dimas F. Otero
Máis datos en http://siberianescape.bandcamp.com/