Disco

Svuco: 'Mizaru'

(PelaZOH, 2015)

Publicado por Dimas F. Otero - Fai 7 anos
Svuco: 'Mizaru'

Non se pode dubidar que Granada posúe unha das esceas musicais máis lumninosas da Península. Calidade musical, orixinalidade de voces e acentos e certa paixón intelectual polo auténtico caracterizan ese mundo único do que Svuco forma parte.

E non de maneira simplemente pasiva, senón que este singular proxecto conseguiu aglutinar un nutrido grupo de colaboradores procedentes doutras bandas e proxectos da cidade, cos que están profundamente relacionados.

Svuco (que significa "ruido" no colorista dialecto Nadsat ideado por Burgess para o universo de A Laranxa Mecánica) é unha creación do guitarrista Saúl Gonzálvez, músico,inquedo e experimentado, articulada en torno á experimentalidade e á liberdade creativa dos músicos principais e os seus colaboradores (un concepto semellante ás Desert Sessions de Josh Homme). O seu proxecto inicial é a realización de tres EP cheos de contido, cada un deles nomeado coma unha das tres monas místicas do folclore xaponés. Mizaru, a mona que cobre os seus ollos para non ver, é o escolleito para comezar esta singular triloxía. A Saúl acompáñano nesta aventura Roberto Cano (que participa con el noutras tres bandas diferentes) á batería e Manolo Manso ó baixo.

A súa aproximación estética ó rock basease nos principios creativos presentados con anterioridade, polo que o resultado pode semellar un pouco carente de unidade ó ointe ocasional: toques de nu metal acústico, soul e mesmo rap e flamenco articúlanse sobre a base do stoner e o rock duro tradicional para formar unha interesante panoplia sonora sobre un fondo estruturado arredor da repetición e a introdución ocasional de variacións. O mesmo grupo, na declaración de intencións difundida a través da súa páxina web, non ten medo de afirmar que certos oidos atoparán os aspectos máis experimentais do proxecto pouco atractivos, pero iso non lles impide acometer o que fundamentalmente é unha procura de novos amores e tensións entre sons moi diferentes.

É unha procura de novos amores é tensións entre sons moi diferentes

Dende o comezo, sorprende a súa elección dun nome con tan cacofónicas connotacións para a súa banda. O delicado ostinato de calurosa guitarra acústica que abre 'Tu mundo', atravesado polas voces dun ritual cansado, é todo menos "ruido". De feito, a distorsión e a electricidade non fan acto de presenza deica o segundo tema, 'Llorarás', aberto por unha poderosa base rítmica que serve de presaxio ó que virá a continuación: a irrupción da característica voz de Carmencita Calavera, que entre outros versos canta o tan destructivo como divertido «Morirás como Fraga sin pedir perdón», nun dos temas que máis traen á presenza o amor da banda polo rock clásico e o stoner de Kyuss e compañía.

En 'Génesis' aparece o ruido, propiamente falando: o ruido de ambiente dunha conversación entre os músicos, sobre o cal se interpreta unha breve peza en inglés. En momentos como este revélase o carácter psicodélico e experimental do traballo, que continúa no tema que lle outorga o seu nome ó disco, Mizaru, unha longa pasaxe instrumental, caracterizada pola reiteración de formas melódicas sinxelas sobre as que os efectos introducen pequenas diferenzas que son as encargadas de arrastrar ó ointe cara adiante. En boa medida, este tema non soamente lle da saída á intención do grupo de analizar as estruturas fundamentais do rock, a súa función, e o seu significado, senón que tamén serve de introdución ó prato principal do álbum.

'Raíces' é un verdadeiro mundo a parte: a podersa voz flamenca de Ihmaele de la Torre (do supergrupo granadino de rock andaluz Fausto Taranto) introduce os temas e elementos que son desenvolvidos a continuación por Astilla (MC do grupo Renko, outro proxecto do que participa Saúl) sobre unha base de guitarras marabillosas queempregan o tradicional recurso metaleiro a tonalidades arábigas para crear un son maligno que non soamente cumpre a función primaria de comunicar sentimentos de ameaza e desafío, senón tamén a secundaria de amosar como as formas musicais folclóricas poden atopar unha conexión sinxela con universos sonoros que semllan moi distantes. De feito, no rap que Astilla MC executa no corazón deste tema pode escoitarse unha referencia ós Hijos del Agobio de Triana, o meirande grupo de fusión do folk e o rock na península, hoxe en día tantas veces e tan inxustamente esquecido.

Canta maior variedade de influencias musicais se poida incorporar ó discurso musical, maior riqueza de recursos estilísticos

'Sol' conclúe o álbum cun recordo de como comezou: calor, bo ritmo e guitarras acústicas, amosando como para a distorsión non ten por que ser necesaria a dureza. A voz de Pablo Parra (de Quimera Stoner) é un cambio radical de acento, e mesmo de idioma, en relación co tema anterior, o que acentúa o seu magnetismo e a capacidade da banda de crear a súa base instrumental en diálogo con diferentes recursos e sons.

A proposta experimental de Svuco, mesmo cando non resulte tan espectacular como podería facelo en forma de LP cohesionado, faime recordar as marabillosas ideas de John Zorn respecto do universo musical: non existen dous tipos de música que non se poidan por en relación, e non hai por que perseverar en se amarrar a un só, porque canta maior variedade de influencias se poida incorporar ó discurso musical, maior riqueza en recursos artísticos terán os músicos á súa disposición. Seméllame, e agardo que a historia me outorgue razón, que as colaboracións de Svuco van contribuír a preservar e expandir ó espírito creativo da escea granadina, e agardo que os proxectos de colaboración en liberdade coma este lle ensine ó mundo as posibilidades que hoxe en día posúen os creadores independentes

Como peche, deixámosvos co vídeo do single 'Los Asesinos de Dios', tema no que se apreza de maneira máis concentrada o minimalismo de estruturas e letras que serve de base ás investigacións sonoras deste grupo.

Máis datos en https://svuco.bandcamp.com/